Sunday 28 de April de 2024

Ordes celebrará a súa XX Carreira Popular o 1 de marzo


O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 25 de febreiro. Os premios en metálico irán dos 150 aos 50 €, ademais de trofeos para os primeiros clasificados e participantes locais

O vindeiro 1 de marzo o Concello de Ordes celebrará unha das súas citas deportivas máis destacadas de todo o ano, a XX Carreira Popular. Ata o 25 de febreiro permanecerá aberto no departamento de Cultura e Deporte o prazo de inscrición. Coma sempre haberá categorías para xente de todas as idades que queiran participar.
A organización ten previstos premios en metálico de 150, 80 e 50 € para os tres primeiros clasificados nas categorías individuais, clubs federados, grupos do municipio e outro de 150 para o centro académico do municipio que achegue maior número de corredores. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, así como para os tres primeiros homes e mulleres das carreiras xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos. Ao podio tamén subirán os tres mellores tempos rexistrados na proba absoluta polos atletas censados no municipio, así como os participantes de maior e menor idade que completen o percorrido.
Para o rexistro e a correcta clasificación dos atletas participantes empregarase o sistema de cronometraxe da FGA e Championchip. As bases desta convocatoria xa se poden consultar na web do Concello (www.ordes.gal).
Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración de importantes firmas comerciais da zona para a celebración desta importante cita co atletismo e o deporte. Entre elas destacan Infantilandia, Cola Cao, Carnicería Enrique, Seguros Reale, asesoría Jaime Castro, Pazo Bidueiro, Feiraco, Nocilla, Gadis e Eurofrut, ademais de Cruz Vermella Ordes.